
O Foro Enerxético de Galicia ten reivindicado a implantación deste Centro Tecnolóxico dende hai bastante tempo na comunidade galega, e despois de realizar unha análise das posibles localizacións do mesmo vimos de considerar que Ferrol é o punto máis axeitado para esta infraestrutura polos seguintes motivos:
- Existe unha infraestrutura como o edificio Centro de Investigación e Servizos da Cabana, que podería albergar inicialmente as actividades, sen precisar dun gasto elevado inmediato. Este edificio está á beira do mar e comunicado con este.
- A comarca de Ferrolterra dispón dunha ampla liña de costa, polo que non se precisarían grandes desprazamentos para a reprodución das condicións reais de mareas, ondas, ventos..., xa que nunha contorna inmediata existen punto moi heteroxéneos, dende un fondo de ría tranquila a praias de mar aberto. Adicionalmente a proximidade do Porto Exterior de Punta Langosteira, na Coruña supón unha extraordinaria oportunidade para darlle valor a esta infraestrutura.
- Existe unha infraestrutura de investigación moi consolidada. As escolas de enxeñería de Esteiro e Serantes, os graos universitarios e másteres de enxeñería eléctrica, enxeñería industrial, enxeñería naval e enerxías renovables son referentes nacionais en docencia; tamén son importantes os departamentos e grupos universitarios que están a investigar nestes eidos e existe unha infraestrutura de referencia como o Canal de Experiencias Hidrodinámicas do Campus de Esteiro.
- O know how neste tipo de instalacións adquirido durante os últimos anos por parte das factorías de Navantia en Fene e Ferrol.
- A comarca de Ferrolterra dispón dunha potente infraestrutura de empresas auxiliares, servizos de enxeñería e un sector empresarial centrado neste tipo de tecnoloxías.
- A implantación dun centro deste tipo suporía o incremento nos postos de traballo directos e indirectos e a fixación de residentes na comarca de Ferrolterra.
Comentarios
Publicar un comentario