O Foro Enerxético de Galicia reivindica a innovación no eido da enerxía como elemento tractor da economía galega

O Foro Enerxético de Galicia reuniuse o pasado xoves 22 de marzo de 2018 en Silleda, co fin de facer unha chamada a administracións e empresas galegas para que fagan unha aposta clara e decidida pola inversión en I+D+i como elemento tractor da economía galega, e en concreto do sector enerxético.

O Foro chegou á conclusión de que é imprescindible unha aposta clara pola xeración de coñecemento en temas como a transformación de enerxía, a xeración de enerxía utilizando tecnoloxías renovables ou a aplicación da eficiencia enerxética na manufactura industrial ou nos fogares.

O I+D+i no sector enerxético é un camiño prometedor, sendo un sector moi atractivo pola elevada taxa de retorno e cun efecto inmediato e cuantificable na estrutura produtiva en Galicia. Outra das avantaxes é o incremento da competitividade das empresas, debido a que se trata dun campo no que a exportación de coñecemento pode supor elevados ingresos para as empresas da Comunidade como aconteceu no sector eólico a principios deste século XXI.

As medidas directas para impulsar o I+D no sector enerxético serían, entre outras, incrementar as colaboracións público-privadas neste eido, o impulso por parte das administracións e das empresas á innovación en enerxías renovables e redes distribuidas e o aproveitamento do coñecemento de proxectos xa feitos en eidos como as enerxías mariñas, a biomasa, o biogás e a xeotermia . Tamén propoñen a promoción por parte das administracións de proxectos demostradores de enerxía eólica offshore, dada a capacidade industrial de Galicia neste ámbito, e proxectos demostradores de novas tecnoloxías de xeración e almacenamento, como é o caso do hidróxeno e de distribución, en base ao cambio de paradigma que supoñen as redes distribuidas.

En caso de aplicarse as medidas de apoio á innovación, desenvolvemento e investigación no sector enerxétcio contribuirían a crear e consolidar tecido empresarial en Galicia e desta maneira acadar o obxectivo do 20% da produción industrial no Producto Interior Bruto.